Itchy Feet: the Travel Game
  • Home
  • Store
  • Rulebook
  • FAQ
  • Read the Comic!
  • Keen Bean Studio

LIBRO DE REGRAS

Picture

Obxectivo

Gaña o primeiro xogador en "viaxar" ao país do centro.
Pero, antes, cada xogador ten que cruzar polo seu propio país.

Cada país require 3 obxectos. É preciso ter eses obxectos e mais un pasaporte para poder viaxar a el. A túa man representa a túa mochila: mételle o que vaias necesitar!

Para obter estes obxectos apaña, recicla, troca ou rouba doutros xogadores.​
​
Picture

Tipos básicos de cartas

PAÍSES (x13)
Picture
OBXECTOS (x32)
Picture
PASAPORTES (x12)
Picture

Preparación do xogo

1. Pasaportes
Cada xogador colle un pasaporte para a man. Aparta os pasaportes sobrantes.

2. Países
Pon 1 país ao chou na mesa diante de cada xogador.
Pon 1 país ao chou no centro da mesa.
Aparta os países sobrantes.

3. Monte e man inicial
Baralla todas as cartas de obxecto para formares o monte.
Cada xogador apaña tres cartas do monte.

4. Expansións
Baralla no monte as expansións coas que queirades xogar e/ou reparte as personaxes.
(Recomendámosvos que xoguedes a vosa primeira partida sen ningunha expansión).

EXEMPLO DE PREPARACIÓN PARA 3 XOGADORES:
Picture
COMEZO
Empeza o xogador cuxa carta de país estea máis perto do que hai no centro na vida real.
A partida continúa no sentido das agullas do reloxo.

Accións

No teu turno, podes levar a cabo unha das seguintes accións:

Picture
1. APAÑAR
Colle 1 carta do monte.
​
​
Picture
2. RECICLAR
Custo: descarta 2 cartas da túa man.
Elixe e colle 1 carta dos descartes.
​
Picture
3. TROCAR
Troca 1 ou máis cartas con 1 outro xogador. Cara arriba!
Bonificación: Apaña 1 carta se completas un troco estando no teu turno.
​
Picture
4. ROUBAR
Custo: descarta 1 carta da túa man.
Colle 1 carta ao chou da man doutro xogador.
​
Picture
5. VIAXAR
(Consulta a sección "Viaxar" máis adiante)

O teu turno remata en canto terminares a acción.​​

Outras regras

Límite de cartas na man
Podes ter un máximo de 7 cartas na man (incluíndo pasaportes e obxectos especiais).
Se nalgún momento tiveres máis de 7 cartas, descarta ata ficares con 7.

Man baleira
Se no comezo do teu turno tiveres a man baleira, apaña 3 cartas. Isto non conta como acción.

Monte baleiro
​
Unha vez se colla a derradeira carta do monte, baralla de novo os descartes para formares un monte novo.

Viaxar

No teu turno, podes viaxar a un país se tiveres:
  • Todos os obxectos requeridos por ese país
  • Un pasaporte

Para viaxares:
  • Amosa toda a túa man aos outros xogadores.
  • Descarta os 3 obxectos usados para viaxar. Queda co pasaporte e mailo resto.
  • Aparta o país completado da área de xogo.
  • Apaña 1 carta do monte, de balde.

Se fores o primeiro en viaxar ao país do centro, parabéns! Gañaches a partida!


Expansións

Engade un ou máis dos seguintes tipos de cartas ao xogo para aumentardes a diversión!​
EVENTOS (x4)
  • Tras o paso 3 da preparación, baralla no monte todos os eventos (Event).
  • Han de xogarse inmediatamente cando se collen.
  • Afectan a todos os xogadores.
  • Non se poden reciclar dende os descartes.

Picture
OBXECTOS ESPECIAIS (x9)
  • Tras o paso 3 da preparación, baralla no monte todos os obxectos especiais (Special).
  • Usa estes obxectos tal e como se explica na carta.
  • Algúns dos obxectos especiais gastan unha das túas accións. Outros poden xogarse en calquera momento. A propia carta explícao.

Picture
OBXECTOS PROHIBIDOS (x3)
  • Tras o paso 3 da preparación, baralla no monte todos os obxectos prohibidos (Forbidden).
  • Un xogador non pode viaxar cun obxecto prohibido na man.
  • Para te librares dun obxecto prohibido, has de descartar 1 outra carta e así poñer as dúas nos descartes.
  • Iso conta como o teu turno.

Picture
POSTAIS (x6)
  • Tras o paso 3 da preparación, baralla no monte todas as postais (Postcard).
  • É outra forma de gañar!
  • Un xogador con 4 postais gaña de inmediato: non é unha acción nin cómpre esperar ao turno dese xogador.
​
Picture
PERSONAXES (x6)
  • Durante o paso 1 da preparación, pon 1 personaxe diante de cada xogador, cara arriba. 
  • Aparta as personaxes sobrantes.
  • As personaxes non se poden trocar.
Picture
 

Preguntas habituais

Picture

Regras

Viaxar
  • Calquera pasaporte vale para viaxar. Se perdes o que tiñas, troca ou rouba outro.
​
Apañar
  • Podes apañar cando tes a man chea, pero has de descartar ata teres só 7 xusto despois.

Reciclar
  • Podes revisar os descartes para veres se hai algo que precisas ou queres.

Trocar
  • Podes mentir sobre o que tes na man, pero as cartas que se troquen han de ser as acordadas.
  • A cantidade de cartas dadas e recibidas nun troco non ten que ser a mesma. Por exemplo, pódense trocar 3 cartas por 2, sempre e cando ambos xogadores estean de acordo.
  • A acción de troco complétase só cando se entregan as cartas. Se fas unha oferta pero o outro xogador a rexeita, podes decidir levar a cabo outra acción.
  • Só apañas unha carta de bonificación se o troco se leva a cabo e só se estades no teu turno.

Obxectos prohibidos
  • Non podes descartar un obxecto prohibido para pagar polo custo das accións de reciclar ou roubar.
  • Se tes cartas de máis na man e has de descartar algunha, non podes descartar un obxecto prohibido.
  • Non podes descartar un obxecto prohibido para te descartares doutro obxecto prohibido.
  • Os obxectos prohibidos poden ser roubados.
  • Podes trocar un obxecto prohibido con outro xogador, se acepta o troco.

Obxectos especiais
  • Interromper a acción doutro xogador cun obxecto especial, como a Ratoeira (Mousetrap), fai rematar o seu turno.
  • A Tarxeta de crédito de Mamá (Mom's Credit Card) non pode facer de pasaporte nin postal.
  • Co Guía local (Local Guide) e o Posto comercial (Trading Post) só podes coller do monte (apañar), non dos descartes.

Personaxes
  • O Contrabandista (Smuggler) só pode entregar obxectos prohibidos desde a súa man.​ ​     

Varios

Postais
  • Estás a xogar con alguén especial? Pídelle que che escriba algo nunha das postais! Servirá de lembranza dos bos momentos pasados xuntos.

Números e paus de póker
  • Os obxectos normais, especiais e prohibidos, así coma os eventos e as postais, teñen os paus e números da baralla francesa no recanto de abaixo á dereita. Deste xeito aforras levar outra baralla máis cando viaxas! Dálles a volta ás cartas e xoga ao póker ou ao que ti queiras.​​
Picture
Galician rulebook translation by Xurxo Diz Pico. Thank you!!
Powered by Create your own unique website with customizable templates.
  • Home
  • Store
  • Rulebook
  • FAQ
  • Read the Comic!
  • Keen Bean Studio